Comparte

O pasado sábado 15 de marzo celebrouse na Coruña a gala de entrega dos VIII Premios Educa-Abanca, coñecidos como os «Goya da Educación». Nesta edición, Fina Paulos Lareo, profesora de ensino secundario na especialidade de Informática do IES Maximino Romero de Lema de Baio, foi distinguida co segundo premio na categoría de Educación Secundaria e Bacharelato.
Fina Paulos, natural de Santa Marta de Babío (Bergondo) e veciña de Perillo (Oleiros), conta cunha ampla traxectoria no ámbito educativo. Nos últimos anos, destacou pola súa capacidade de innovación e pola introdución de novos enfoques pedagóxicos, especialmente no campo da Intelixencia Artificial (IA). Coordinou proxectos co seu alumnado que fomentaron valores e melloraron a vida das persoas con diversidade funcional, utilizando a IA como ferramenta para a inclusión, a aprendizaxe e a motivación.

Ademais, Fina publicou recentemente o libro «Intelixencia Artificial para a sociedade», unha obra que explora o potencial da IA como ferramenta educativa e o seu impacto na sociedade contemporánea. Este traballo reflicte a súa visión transformadora e o seu compromiso por dotar ao alumnado das competencias necesarias para enfrontar os retos do futuro.
Fina destaca tamén como formadora de compañeiros e compañeiras no ámbito da IA e outras disciplinas. Colabora con diversas institucións, como o Centro Autonómico de Formación e Innovación e o Centro de Formación e Recursos, entidades dependentes da Consellería de Educación. Tamén participou en iniciativas con entidades sen ánimo de lucro da comarca para difundir a IA entre a poboación.

Nos últimos anos, Fina estivo presente en foros educativos de primeiro orde, compartindo a súa experiencia con outros docentes. Participou no Seminario de Transformación Dixital e Intelixencia Artificial na Educación, organizado pola Organización de Estados Iberoamericanos, coa que colabora publicando artigos educativos e exercendo de relatora en congresos. Tamén participou no Congreso Nacional de Escolas Rurais, trasladando a súa experiencia educativa en IA nas aulas.

A todo isto súmanse os logros acadados por ter coordinado proxectos educativos co seu alumnado que fixeron posible levar o nome do IES Maximino Romero de Lema por toda España: Festival Plasencia en Corto; II Certame de Enfermidades Raras; Festival Foco; Semana de Diversidade Sexual de Nigrán; primeiro e segundo premio polo fomento da doazón de órganos, convocado polo Sergas; premio OUFF Escolas, do Festival Internacional de Cine de Ourense; e o recente premio acadado con IA no concurso «Unha constitución para todos», que outorgou o Ministerio de Educación e que fixo coa súa filla Irene Fernández Paulos, acadando o primeiro premio na categoría de 5º-6º de primaria.

Remitimos o comunicado feito por Fina tras a recollida do galardón:
Segunda clasificada nos Premios Educa-ABANCA 2025. Mellor docente de España na categoría de secundaria e bacharelato.
“Recibir este recoñecemento é unha honra inmensa para min. Non só polo que representa a nivel persoal, senón porque pon en valor algo no que creo profundamente: a educación pública, rural e galega.
En primeiro lugar, quero agradecer a EDUCA pola organización deste evento, clave para poñer en valor a figura dos docentes, algo francamente necesario nos tempos que corren.
Desde o IES Maximino Romero de Lema de Baio, levamos anos demostrando que o lugar onde se aprende non debería marcar os límites do que se pode conseguir. A educación no rural é sinónimo de proximidade, de comunidade e de oportunidades para o alumnado. O noso IES é un centro pequeno, onde todos nos coñecemos, aprendemos cada día que a calidade do ensino non depende do tamaño, orzamento nin a localización, senón do compromiso e a ilusión que poñemos en cada proxecto e a nosa paixón pola profesión docente.
Este galardón é tamén un recoñecemento ao traballo do noso alumnado, porque foron eles os que iniciaron este camiño ao nomearme. Non hai maior satisfacción para un docente que saber que os seus alumnos valoran o esforzo, senten que aprenden e perciben que constrúen o seu futuro en cada sesión na aula.
Nos últimos anos, traballei intensamente en proxectos innovadores que teñen á intelixencia artificial como ferramenta para a inclusión, a aprendizaxe e a motivación. Comparto a convicción de que a educación ten que ir máis alá das aulas e conectarse coa sociedade real. A educación pode e debe cambiar o mundo e isto ten que labrarse cada día nos nosos centros educativos.
Gustaríame compartir este recoñecemento con todos os meus compañeiros do IES de Baio, especialmente, con Óscar Manuel Rey Calo (co que traballei e sego traballando en multitude de proxectos), co meu alumnado, coas súas familias e con todas as persoas que cren, coma min, que a educación é a clave para cambiar as vidas das persoas.
Por último, se mo permiten, gustaríame agradecer dun xeito moi especial, o apoio da miña familia en particular, ás miñas fillas Sofía e Irene por todo o tempo que lles roubei adicándoo á miña profesión, á miña gran paixón, a educación. Sen eles, nada disto sería posible.
Sigamos traballando para que o ensino público, rural e galego siga sendo un referente de calidade, inclusión e innovación.
Grazas infinitas por este recoñecemento.

Leave a Comment